Boas, familias. Deixámosvos o comunicado de ANPAS GALEGAS (asociación na que estamos representados por formar parte de Foanpas) sobre o protocolo da Xunta que regula a volta ás clases presenciais en setembro (texto en azul).
O pasado xoves 16 de xullo este borrador foi rexeitado pola Mesa sectorial e os sindicatos xa anunciaron un calendario de mobilizacións en Santiago para solicitar a súa retirada e a negociación dun novo protocolo co sector.
Dado que o protocolo non só se dirixe ao persoal docente e non docente senón tamén ao alumnado e ás familias (para manter a seguridade nos centros requírese a colaboración de toda a comunidade educativa), deixámosvos un enlace ao final desta entrada para que poidades coñecer o texto completo.
"Que opinamos do proxecto de protocolo para comezar o próximo curso 2020-2021 ?
Na Confederación de ANPAS GALEGAS recibimos hoxe pola mañá o protocolo para o comezo da actividade lectiva no mes de setembro. Este texto, do que se retrasou a súa difusión por motivos claramente electorais, para o que non se tivo en absoluto en conta ás familias que somos quen imos sufrir as súas consecuencias, e que se limita a establecer normas sanitarias de ocupación de edificios e celebración de reunións, coma se as nosas fillas e fillos non fosen parte do Ensino Público, ten dous principios básicos:
- O seu deseño corresponde exactamente coa intención de non mudar nada do existente, estíranse as costuras do sistema educativo para non ter que investir nin un céntimo, e adáptanse até o insulto as necesidades sanitarias con tal de non achegar máis persoal, nin docente, nin non docente, máis instalacións, máis transporte, ou máis atención ao alumnado.
- Repite no erro do terceiro trimestre pasado, deixar en mans das direccións dos centros educativos a responsabilidade da organización. Isto implica á súa vez dous problemas inmediatos:
- A falta de uniformidade á hora de tratar un problema que si é uniforme; non hai ningunha razón para que dous centros escolares dean diferentes respostas a situacións iguais.
- A utilización das direccións como responsábeis da xestión dun problema que é, tal e como se presenta no protocolo, estritamente sanitario. As direccións non son especialistas nesa materia nin teñen porque ser responsábeis do que ocorra neste ámbito.
Ao protocolo en detalle vémoslle as seguintes faltas:
- A distancia de un metro de separación nas aulas é absolutamente insuficiente segundo as recomendacións que estamos vendo publicadas para a cidadanía xeral, mesmo no propio documento dáse o paradoxo de esixiren 1,5 metros nas salas de profesores mentres que o alumnado estaría a un escaso metro de distancia, e non podemos presumir idéntico comportamento nos dous colectivos.
- Basear a estratexia sanitaria na auto diagnose de alumnado e/ou familias é absolutamente irresponsábel; porque permite que o abandono involuntario na comunicación dunha pequena sintomatoloxía poida levarnos a infinitos contaxios e paralizacións do sistema.
- Converte os centros escolares en prisións ateigadas de normas de funcionamento, con porcentaxes de ocupación de baños, corredores, entradas e saídas, para logo permitir o ateigamento nas aulas, no transporte ou nos comedores escolares. É dicir: no que non supón custo económico imos ser rotundamente estritos, no que suporía máis gasto a consellaría permitirá todas as excepcións posíbeis.
- Non podemos admitir que sexa o alumnado quen se encargue dos labores de hixienización , en ningún momento; e non porque non deban aprender a facelo, senón porque a súa inexperiencia faraos ser ineficaces, e non se xoga coa saúde. A limpeza dos centros debe estar sempre en mans de profesionais.
- Non existe en ningún momento nin a máis mínima mención á atención á diversidade, fálase algo do alumnado NEE – só como persoas con dificultades para manter a hixiene persoal- pero óbviase, como se ven facendo dende o 13 de marzo pasado, calquera circunstancia que non responda ao estándar que a consellaría ten fixado. Que nos explique a conselleira como conseguir, por exemplo, que un neno-a con TDAH vai conseguir estar quieto durante cinco horas mirando cara adiante nunha aula, porque o importante é que só se distancie un metro das súas acompañantes, para que caiban na aula máis nenos-as aínda dos que collen hoxe coas aulas saturadas.
- Non sabemos como se vai asegurar a atención permanente ao alumnado, nos casos nos que, docente ou alumno-a non poida asistir a clases durante un período indeterminado, ou nos casos de hipotético peche das instalacións. A fenda dixital segue a estar aí; non se resolve cunha semana de formación para todo o profesorado ou con 15 días para o alumnado. Hai máis factores que é preciso considerar.
- Non hai unha previsión sobre os custes económicos das medidas sanitarias, para as familias nin para os propios centros educativos, nós demandamos que a consellaría asuma a totalidade dos gastos producidos para toda a comunidade educativa.
Falariamos outros 99 folios, como fixo a consellaría, pero todo nos leva ao mesmo lugar:
- As familias temos que estar presentes na organización da volta ás aulas.
- A consellaría ten que asumir a responsabilidade directa do que se decida, e asegurar un cumprimento igual en toda Galiza.
- Hai que incrementar a distancia de separación entre o alumnado, e asumir que isto implica unha diminución de rateos e a necesidade de contratar máis profesorado, máis coidadores-as nos comedores, máis transporte escolar, e máis infraestruturas nos centros.
- Hai que asegurar que os centros escolares manteñan un clima de convivencia pacífica, cordial e saudábel, combinando as necesidades sanitarias cun modelo de xestión axeitado para que o alumnado se sinta implicado e seguro."
BY ANPAS GALEGAS · 16 XULLO, 2020
No seguinte enlace podedes consultar outra información da Xunta: http://www.edu.xunta.gal/portal/node/31520
Un saúdo,