Patio cuberto no Ceip Canicouva, por fin!

patio cubierto Ceip Canicouva
Boas, familias!

  Hoxe é un gran día para o Ceip Canicouva: por fin temos a confirmación oficial do inicio das obras para cubrir o patio.
   A obra, de grande envergadura e cun presuposto de cerca de 300.000€, será acometida polo Concello de Vigo. A cuberta protexerá cerca de 620m2 do patio superior (case a súa totalidade) e inclúe un acceso tamén cuberto dende os soportais, de modo que os rapaces non se mollarán ao pasar do recinto escolar ao novo patio.
  Para que vos fagades unha idea do tamaño: se xuntasemos todos os nenos do colexio baixo a nova cuberta, cada un tería dous metros cadrados á súa enteira disposición...
  
  A obra suporá unha grande mellora para o centro: logo de moitos anos de peticións, os alumnos contarán por fin cun espazo adecuado para os recreos nos días de choiva e poderán xogar ao aire libre mesmo cando o tempo non acompañe. Ademais, permitiranos ampliar a oferta de actividades extraescolares a partir do curso 2019/20.
  Nos próximos días procederase a vallar a zona para crear un perímetro de seguridade, xa que está previsto que as obras comecen a vindeira semana (posiblemente o luns). Durante o tempo de execución das mesmas (tres meses), balonmán e fútbol sala pasarán ao patio de abaixo.
  O Alcalde visitaranos o xoves 21 ás 11:00h para inaugurar o inicio da obra nun breve acto ao que estades invitadas todas as familias do centro. Agardámosvos!
Un saúdo,
anpa canicouva