Hoxe traemos boas novas: o noso cole é un dos 10 centros educativos galegos situados no camiño de Santiago Galego-Portugués nos que FUNDAMAR (Fundación para a Pesca e o Marisqueo) impartirá este ano un obradoiro moi especial: trátase dun proxecto de difusión da cultura mariñeira do que tivemos coñecemento a través de FOANPAS (acceder) a finais de xuño e que xestionamos no verán para poder realizalo neste curso escolar. Consiste nunha actividade dirixida por MIMADRIÑA (acceder), educadora social recoñecida polos seus traballos de artesanía en origami, na que os nenos e nenas aprenderán sobre o camiño de Santiago e que concluirá coa realización dunha obra colectiva que será amosada nunha exposición itinerante.
O obradoiro, de carácter pedagóxico, educativo e inclusivo, está dirixido ao alumnado de 2º de Ed. Primaria e terá lugar en horario escolar o martes 11 de febreiro.
Esperamos que vos guste!
Un saúdo,