Boas, familias. Na Plataforma Hepa nas aulas - Galicia seguimos reclamando que se permita a instalación nas aulas de purificadores de aire homologados con filtros HEPA.
Neste vídeo explícanse brevemente os motivos (pincha para visualizalo)
Pedímosvos que lle deades máxima difusión entre os vosos contactos para acadar a máxima visibilidade.
Agora que as administracións recoñecen por fin os aerosois coma principal vía de transmisión, os filtros HEPA constitúen unha "capa" máis de protección para alumnado e profesorado, xunto co uso de máscaras, por exemplo, a hixiene de mans e, por suposto, a ventilación, medida que en ningún momento pretenden substituir.
En Galicia, a paralización dos permisos de instalación nos centros escolares é simplemente un tema burocrático e político que non nos corresponde valorar, pero son moitas as comunidades, cidades e centros (mesmo gobernados polo mesmo partido) nos que os filtros HEPA SÍ están permitidos. Na meirande parte dos casos, ademais, son as propias administracións as que se fixeron cargo da compra e a correspondente instalación nos colexios.
No caso concreto do noso cole, a principio de curso a ANPA dotou ao centro con aparellos certificados, adquiridos a unha empresa especializada no sector e tras a debida comprobación das características das aulas, pouco antes de que a Xunta paralizara as solicitudes de instalación. Así, estamos en abril, na 4ª onda, e os filtros HEPA seguen nas súas caixas... en vez de estar funcionando coma un complemento máis para renovar o aire das aulas, sexa neste curso ou nos que están por vir.
Só pedimos autorización para instalar os filtros HEPA nos coles de Galicia, igual que xa se fixo en tantísimos centros escolares de toda España.
Grazas por compartir. Un saúdo,