COMEDOR ESCOLAR - INSCRICIÓNS 2018/19 (fichas en pdf)


curso 2018/19
     O comedor escolar do CEIP Canicouva é un servizo prestado pola empresa de catering ARUME e que depende do Concello. Está xestionado pola ANPA baixo a tutela da Federación Olívica de Nais e Pais de Alumnos (FOANPAS), asociación á que pertencemos e que establece os prezos para cada curso.

     O importe que paga o usuario supón soamente unha parte do prezo real do menú: todas as tarifas dos usuarios fixos están subvencionadas e inclúen as axudas que o Concello e a Xunta conceden á Federación para tal fin. Do mesmo xeito, Foanpas tamén subvenciona o gasto das comidas dos bolseiros de Benestar Social que exceden da devandita bolsa. 



     A finais de xuño enviamos unha circular con información detallada sobre normas, horarios e o procedemento de inscrición para o vindeiro curso. Se alguén non a recibiu, pode solicitala por correo electrónico. A continuación encontraredes un resumo das dúbidas máis habituais sobre o comedor.

  

PREGUNTAS FRECUENTES


QUEN PODE ASISTIR A COMEDOR?
     Todos os alumnos matriculados no centro, sempre que cumpran as normas de conduta e non teñan débedas coa ANPA.

TODOS OS MESES TEÑEN O MESMO PREZO?      
     Sí. As tarifas están calculadas sobre a media dos días lectivos totais do curso escolar, de forma que o prezo é igual todos os meses, incluidos aqueles nos que hai vacacións (Nadal, Entroido, Semana Santa) ou son máis curtos (xuño, setembro).

É OBRIGATORIO SER SOCIO PARA USAR O COMEDOR?

     Non. A diferenza doutros centros, no Canicouva non é obrigatorio ser socio para acceder ao servizo de comedor. Porén, recomendámosvos que vos asociedes, xa que aos non socios repercútenselles os gastos de xestión cada mes e acaban pagando máis ca os asociados pero sen poder aproveitar as súas vantaxes (ver entrada Como facerse socio). 

É NECESARIO PAGAR O SEGURO?

     Sí. O seguro de accidentes é obrigatorio para todos os usuarios, sexan socios ou non, incluídos os bolseiros. O importe mantense en 9€ por alumno para o curso 2018/19.
SOLICITEI A BOLSA DE COMEDOR. TEÑO QUE PAGAR ALGO?
     Sí. En primeiro lugar, o seguro de accidentes (9€ anuais por usuario), indispensable para acceder ao servizo; os demais gastos varían segundo o teu caso:
  • Se decides ser socio da ANPA, 15€ (cota anual por familia).
  • Se NON te fas socio da ANPA, debes pagar por adiantado os gastos de xestión dos meses que precises o servizo (2€ por cada mes). Así, un bolseiro non socio que utilizase o servizo de comedor de setembro a xuño pagaría 20€, pero sen os beneficios dos asociados.
  • Se queres usar o servizo de comedor antes de que o Concello comunique os nomes dos bolseiros, deberás abonar as cotas correspondentes ata que se publiquen as listas. Se finalmente che conceden a bolsa, devolveráseche a mensualidade completa. 
CANDO E COMO SE FAI A INSCRICIÓN NO COMEDOR?
     O vindeiro curso a inscrición seguirá facéndose no mes de setembro. Podes descargar a documentación necesaria no enlace ao final desta entrada, ou recollela na oficina.
     A principal novidade é que será posible enviala por correo electrónico a partir de xullo sen necesidade de pasar pola oficina. As solicitudes recibidas por esta vía figurarán como inscricións presentadas o primeiro día do prazo que lles corresponda.
     Se prefires achegarte á ANPA, abriremos do 5 ao 11 de setembro de 10 a 12:00h; do día 12 ata fin de curso, de 09:05 a 10:00h (tardes por determinar). 

     En calquera caso, lembra que para confirmar a praza debes presentar o xustificante de pago do primeiro mes de comedor segundo a tarifa escollida (só para a inscrición: o resto dos meses non é necesario).

IMPORTANTE
     Rogámosvos que respectedes os prazos de inscrición: os profesores precisan saber que nenos van a comedor e a data na que empezan no servizo, e non queremos interromper as clases máis do necesario.


TEÑO QUEIXAS DO COMEDOR. A QUEN PODO DIRIXIRME?
     No caso de ter algún problema ou queixa sobre o servizo de comedor, agradeceríamosvos que nolos transmitades tan pronto como se produza para poder buscar unha solución o antes posible. Podedes contactar con nós na ANPA ou enviar un 
correo electrónico a ampapereiro@hotmail.com con copia a FOANPAS (comedores@foanpas.com).



DESCARGA OS DOCUMENTOS NECESARIOS PARA A INSCRICIÓN - SÓ CURSO 2018/19:



     Consulta a entrada Novas contas ou descarga directamente os novos números. Podedes facer os pagamentos durante o verán para evitar que se acumulen todos os gastos en setembro. 

Un saúdo,